CAMPUS GALICIA ENTREVISTA CON CHICO CESAR

CAMPUS GALICIA ENTREVISTA CON CHICO CESAR

ULTRASÓNICA

ENTREVISTAS 2003 


Chico César, concertos máxicos


Explican dende a oficina que lle leva a prensa en España que non hai problema en entrevistar a Chico César porque con el hai “muy buena onda”. O músico brasileiro, que deslumbrara na praza da Ferrería de Pontevedra no pasado mes de agosto, está de novo en España ofrecendo concertos acústicos.

Volve a Galicia Chico César con só uns meses de diferencia. ¿Gustoulle a experiencia de tocar en Pontevedra?

– Si, moito. Foi un momento moi especial o de poder realizar aquela experiencia de convivencia nun escenario con diversos músicos de diversos lugares nunha actuación ao aire libre, nunha praza tan especial para a cidade… Foi moi importante para min.

Todos os que tiveron a sorte de asistir a aquel concerto falan de que non o esquecerán. ¿Que foi o que pasou niso que se chamou Cantos na maré?

– O que pasou foi que o concerto aconteceu xusto no momento no que os músicos subimos ao escenario. Antes diso non había absolutamente nada e, de súpeto, vivimos todos un momento máxico. Os músicos tocabamos, o público estaba moi atento… Non foi só entretemento o que alí se viviu. Eu creo que aquela noite vai ficar na memoria de todos os que estivemos alí durante moito tempo.

¿Que é o que ofrecerá desta vez Chico César?

­Desta vez é un concerto que forma parte dunha xira que estou realizando por toda Europa. Preséntome só cunha guitarra e interpreto cancións dos meus discos e tamén algunhas cousas inéditas.

¿Que lle parece a vostede o proxecto que está a liderar Lula no Brasil?

– Non creo que o que está a pasar no Brasil agora mesmo poida dicirse que é un proxecto de Lula. É un proxecto dos líderes do mundo, do Fondo Monetario Internacional, que é aplicado en Alemania, en Francia, en Portugal, en España… e en Brasil. Ese é o proxecto que hai, o proxecto que impón o capitalismo.

¿Que opina do boom que vive a música brasileira en todo o mundo? Parece exercer entre o público unha auténtica fascinación.

­Eu creo que iso de falar dun boom da música brasileira é cousa de alguén que a vive dende fóra. Eu que me criei oíndo música brasileira todo o tempo non podo ter esa percepción.

¿Non pensa que actualmente está máis de moda?

– É certo que se di moito iso de que a música brasileira está de moda e tamén é certo que podes atopar nunha praza de Roma a un rapaz do Xapón tocando un son brasileiro, ao mellor composto hai corenta anos. Neste sentido, está claro que a música brasileira ten hai tempo unha penetración moi forte no mundo enteiro. Pero tanto as xeracións que foron diante de min, a de Carmen Miranda e Antonio Carlos Jobim, como a seguinte, Caetano Veloso e Gilberto Gil, como incluso a miña xeración, atoparon un público e case sempre un público que xa disfrutara antes a nosa música a través de xeracións anteriores. Non é novo. 

Belén López

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *