OS DIPLOMÁTICOS DE MONTE-ALTO

Os Diplomáticos de Monte-Alto, velocidade dixital

 

         Os Diplomáticos de Monte-Alto veñen de edita-lo seu terceiro aparello sonoro, Avante toda, unha nova incursión nos sons tradicionais e na escola das orquestas de verbena, todo elo asumido por un grupo nacido a ritmo de rock. Conversar co seu vocalista é dar un repaso acelerado polas festas de aldea, as disco-tascas ou os xogos de cartas como o tute subhastado. Pero, sobre todo, é descubri-la velocidade e a vitalidade contaxiosa que move ó grupo: «Tanta paixón, ¿quen poderá detela?».

 

         Pricipiamos lembrando os seus inicios, que teñen bastante que ver cun curioso personaxe chamado Rómulo Permui. «A Rómulo espetoulle unha nécora no peito mentres descansaba na praia de Amaro, recuperándose da última visita ó estadio de Riazor. Logo desta metamorfose, Rómulo renegou de tanta conachada, queimou toda a colección de discos de The Cure e, dende entón, só grava no vídeo películas de mexicanos. No intre no que cortou a melena de estilo inglés, ademais de darlle unha alegría ós seus pais, comenzou a senta-las bases dunha nova estética fin de século. Os heavies de Monte-Alto seguímolo. Unha pena, xa que marchou a Santiago a estudiar económicas e nunca se soubo máis de el».

 

         Pode que non deixe de ser unha interesante teoría, pero os verdadeiros comenzos non foron tan fáciles e dan conta dun mundo case descoñecido na Coruña do cambio de década. «O acordeonista Rómulo Sanxurxo e mais eu -Xurxo Souto- vimos de Belida e Opus Gay, grupo no que compuxemos «A rapaza do 600» e «Marujo», unha historia dun travestí e nome duns cigarros das Azores».

 

         Tamén ten moito que ve-la colaboración de Xurxo na Radio Galega, na que foi o creador dunha radio-novela chamada «Os frigoristas», baseada nas aventuras dun frigorista -quen sabe se imaxinario- chamado Constante Permui: «Nunha marea en Mamibia o heroe non é o capitán, o heroe é o técnico frigorista que goberna tres meses de traballo de pesca metidos nunha cámara de frío. Se sube a temperatura, a pesca pérdese, os mariñeiros non cobran e o frigorista resíntese do seu pescozo». Para esta novela houbo que compoñer unha banda sonora e aí naceu «Non chas quero», a primeira canción do grupo.

 

         Xurxo adicouse a perseguir a Antón Reixa durante un tempo, ata que este último se convenceu de que o perseguidor non era perigoso. De algo serviu, xa que Xurxo chegou a ser colaborador do programa da TVG Sitio distinto, levando a parte musical e outras entrevistas estelares: un cuatrero, un capador, un contrabandista… Pola súa banda, Reixa fixo que o grupo gravase para a Fundación Resentidos, producíndolles o primeiro traballo, Arroutada, ó que seguiu Parrús

 

         Non é nada estraño que se entendan ben, xa que ámbolos dous grupos pasan revista a realidade galega menos habitual nos medios. «Non hai mellor forma de ser universal que ser localista. É imposible ser de Monte-Alto e que non te arda o peito. Se a túa nai é de Sergude e o teu pai acordeonista, se te fixeron entre Jorge Negrete e tute subhastado, se xogaches ás canicas ó lado do cárcere, se fuches buscar percebes ó carón do cemiterio, se pola rúa atopas rapazas orondas con chupa de Iron Maiden, se montache-lo teu conxunto nun garaxe, se tiveche melena heavy e o teu tío toca na orquesta X, ¿como non te vai a arde-lo peito? Por iso, cando os bárbaros de Monte-Alto baixan a Coruña, non van tomar cafelitos, baixan de arroutada a repartir emocións».

 

         Aínda hai mais, e Monte-Alto ten máis dun personaxe famoso. «Cando se necesitou unha orquesta en condicións, aí estiveron Los Satélites. Cando o Deportivo pediu un porteiro, mandámoslle a Xanetas. A historia do fútbol reclamou un arquitecto e alá foi Luis Suárez, directo da carnicería da súa nai. Os tempos volvéronse duros, necesitáronse golfos de verdade e nós puxemos os mellores. Agora piden un conxunto poderoso tipo rockero e aí están Os Diplomáticos».

 

         O elemento mais característico de Os Diplomáticos é o acordeón, algo tan evidente na música galega que para Xurxo parece fóra de lugar preguntar por el. «Por exemplo, na aldea orensana de Velle chegaron a ter dezaseis acordeonistas. Un dos máis afamados, o señor Claudio, máis coñecido por Cuco de Velle, compartía dúas afeccións: viño e acordeón. Para asegura-lo seu virtuosismo nas romarías, sen risco de caídas etílicas, montaron un sistema interesante: atábano á estaca do carro e levábano así, ben teso, como pide todo acordeonista estiloso, por toda a festa, nunha perfecta conxunción de viño e velocidade».

 

         Non lles chega con iso. Os Diplomáticos pretenden reivindica-lo mundo das orquestras, as verbenas populares e as disco-tascas. «En Galicia hai máis de 4.000 festas ó ano e miles de orquestas bravas indo dun lado ó outro, facendo bailar á xente. Non hai nada máis fermoso que sacar a bailar a unha rapaza e dicirlle: ¿Es de aquí ou ves á festa? E as disco-tascas responden a unha gran necesidade: poder botar un viño cando xa renegaches dos cubalibres. É o local ideal para comer unhas parrochas cando chega o insomnio. Onde outros programan pop, aquí manda a arroutada».

 

         Teñen moito que dicir e queren deixar claros os seus obxectivos. «Non hai cousa máis repugnante que un rockerito que quere ser malo. De eses que cando botan o cuspe pingan a camiseta rockabilly. Un pode ser bravo e ter sentidiño. Tocar nun palco e que a familia se leve unha alegría».

 

         Para finalizar de algún xeito, xa que Xurxo seguiría falando todo o día, hai que aclarar dunha vez por todas en que consiste a arroutada. «Emoción. Todo o que se fai de corazón. Calquera cousa vale se é así. A estas alturas, no fin do milenio, se non hai paixón no peito, retírate. ¿Como podes ser un bo corredor de fondo se tes medo que te fodan os toxos? ¿Como vas a montar unha festa bonita enriba do palco se só pensas nas pedras que hai no chan? ¿Como vas facer tragar ós demais se te segues unha dieta macrobiótica?».

Xavier Valiño

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *