Bravú, pasado e presente?
Bravú, pasado e presente?
Chámese como se queira. Hai onde escoller: rock infíctico, agropunk, romanticismo vergallán, rock irmandiño, arroutada, rock aghreste, música castrapa, tralla, aghro-rap… Aínda que custe crelo, todos eles convivían a principios e mediados dos 90 sen que os seus responsables souberan uns dos outros. Eran bastantes e moi dispersos. Nese intre, a algúns éralles máis doado ter información do que se cocía ao outro lado do mundo que á beira da súa casa. Si, xusto cando as guitarras eléctricas chegaron ás aldeas.
O bravú foi creado como unha etiqueta aglutinadora, como unha forma de venderse ao mundo por aqueles que sabían que moi probablemente non contaran co respaldo dos medios e que tiñan dous elementos en común: amor á terra e unha necesidade de expresarse case exclusivamente na nosa lingua. Logo estaba tamén a influencia de Os Resentidos e dos máis descoñecidos Os Raiados. De Radio Océano e de Os Satélites. Da charanga de Cuco de Velle e de The Clash. De Pucho Boedo e The Pogues. De Negu Gorriak e de Mano Negra.
Xogada mestra: en lugar de esperar que lles colocaran un alcume, aqueles que cearon co galo do segundo Castañazo Rock na Taberna Caballero de Viana o 31 de outubro de 1994 -co coñecido sistema: churrasco no verán, cocido no inverno- puxéronse eles mesmos o nome, un estandarte co que dar fe do que bulía polas rúas e as corredoiras de Galicia. Traballo feito para xornalistas vagos, aínda que a non inclusión, por distintas causas, de grupos como Yellow Pixoliñas, Korosi Dansas ou Heredeiros da Crus impediu cuadrar o círculo.
Houbo un disco recopilatorio –Unión Bravú, 1996-, varias gravacións dalgúns dos grupos que se agruparon baixo ese apelativo, concertos en común, A Feira das Mentiras que montou Manu Chao, unha revista que se chamou, coma non, Bravú, e unha páxina web que non podía ser máis que bravu.net. Pero todo, como é de recibo, foi esmorecendo, sen que ninguén teña moito do que render contas porque ninguén foi o causante de nada. Así é como se move o mundo por aquí.
A lo menos quedou claro que, tralo que significaron Os Resentidos nos 80 e algún outro escaso precedente anos antes, o rock en galego podía ter unha continuidade, e ese pode que sexa o seu maior mérito. Non chegaron moito máis alá do Talón de Grelos que forman Os Ancares, pero houbo uns rapaces en Galiza que sentiron que aquilo lles petaba no peito, que o sentiron como seu, que se identificaron con outros mozos de Lourenzá, Vimianzo, Ponteareas, Monforte, A Estrada, Chantada, barrios de Vigo e A Coruña…
Durante uns anos, púidose albiscar algo da súa influencia nas cancións que o Xabarín da TVG ía publicando nos seus discos colectivos. Ruxe Ruxe serviron de ponte entre os que estiveron nos primeiros momentos e os que poderían vir detrás. Ata que a Radio Galega comezou a prestar atención á música de grupos rock feita en galego nos últimos anos. Ata que outros grupos e outros rapaces tamén sentiron a chamada da paixón que queima o peito. E nesas andamos agora, no mellor momento do rock neste país, á espera do vindeiro Antón Reixa, dun Johnny Rotring -Xosé Manuel Pereiro-, dun Xurxo Souto, dunha personalidade única que empurre por eles.