NACIÓN REIXA

Nación Reixa, tempo morto

 

Se non será polifacético este home. ¿A cantas cousas se dedica? ¿Será todo iso no que emprega o seu tempo libre? Supoñemos que baixo a pel de Antón Reixa haberá un ser humano coma nos, aínda que con cada un dos seus pasos parece desmentilo.

 

Recapitulemos apresuradamente. Poeta do grupo Rompente. Presentador de programas televisivos como Sitio distinto. Produtor ou guionista doutros como Peligrosamente juntas. Líder do grupo Os Resentidos durante máis de doce anos. Locutor de radio, onde agora presenta La voz da televisión en Radio Voz.  Realizador de parte dos mellores vídeos musicais que se puideron ver no noso Estado, para grupos como Esclarecidos, Duncan Dhu e os propios Resentidos.  Escritor de libros como Ringo, Rango. Articulista no suplemento cultural Bule bule de papel os xoves en La Voz de Galicia. E tal vez algunha paixón máis que nos ten escondida.

 

Un bo día cruzou no seu camiño o vasco Kaki Arkarazo, membro de grupos como M Ak e Negu Gorriak e, sobre todo, produtor. A súa colaboración comezou na produción do último traballo de Os Resentidos, Están aquí. E de aí á relación estreita. Tanto que o novo proxecto, Nación Reixa non se entende sen Kaki. Nas entrevistas os dous participan por igual, e a hora de compoñer Reixa dedícase ós textos e Kaki ás texturas  musicais. Moi variadas, iso se. A ducia de temas teñen un pouco de tódolos ritmos quentes que sempre lle interesaron, dende o rap á bossa nova, e van acompañados de cinco maquinacións, que non son máis que varios textos breves lidos a velocidade do raio.

 

Unha aventura na que inverteron case un ano nos estudios de gravación IZ de Donostia, onde estiveron acompañados por parte dos mellores músicos vascos, e que nun principio editouse en galego o pasado mes de decembro e que agora edítase en castelán para o resto do Estado. Agás, iso se, no País Vasco, onde a súa compañía pretendía venderlles o disco en castelán pero tiveron que ceder ante a presión. Tan so queda achegarse a algún dos seus concertos, xa que prometen o directo máis revolucionario que nunca se fixera por aquí. Ameaza que vindo de Reixa…

Xavier Valiño

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *