ULTRASÓNICA 1998 ENTREVISTA CON SKORNABOIS

ULTRASÓNICA 1998 ENTREVISTA CON SKORNABOIS

Ultrasonica e-zine :: Xavier Valiño

ENTREVISTAS 1998


Skornabois, a brosa do verdugo

 

 

De tódolos grupos que naceron nos últimos anos na provincia de Lugo, Skornabois, dende Vilanova de Lourenzá, son os máis combativos e os que teñen as ideas máis claras. Xa van dez anos dende que comenzaran facendo na súa Casa Vella aquelo que deron en chamar son da ferralla, ou romanticismo vergallán, en honor a Vergallán do Monte, un labrego que vivía nunha casa debaixo dunha ponte e personaxe co que Emilio, o cantante, ía gadaña-la herba. Este verán publicouse o seu primeiro disco de longa duración, de título homónimo. Fala Emilio López, a voz do grupo.

 

O grupo de Vilanova de Lourenzá leva xa dez anos funcionando como tal, aínda que ó principio era case que un xogo adolescente. "Empezamos coma todos, facendo punkarrada e o que podiamos, e así ata hoxe os catro. Estamos Xan Villamel –Torzón- á batería, Xermán Viluba -Villano- ás guitarras e Iván Laxe ó baixo, quen substituíu a Carlos Sea, e que foi o último en chegar ó grupo. Con el xa comenzamos a traballar con samplers".  

 

O responsable desta historia foi o guitarrista. "Xermán xuntábase na Casa Vella cun montón de pícaros, el cunha guitarra e eles cantando. Está claro que quen máis tirou por nós e quen nos animou a seguir foron Os Diplomáticos de Monte-Alto. Daquela gravabamos cintas na casa, con latas e todo eso. Xurxo Souto tivo bastante que ver con eso, é un auténtico axitador. As nosas primeiras gravacións chamáronse The Escornabois e Terra Fertel, e os da aldea conocíannos por Os das latas".

 

Daquela época son tamén os Fancíns -escrito así, xa que en galego o fanzine tamén se traduce, segundo explican eles mesmos nun dos seus números- "A brosa do verdugo". “Brosa, no norte da provincia de Lugo, é a palabra empregada para designa-lo machado. Nos dous números editados, feitos na súa meirande parte por tres dos catro integrantes actuais de Skornabois, e que se vendían a 40 pesos, había unha importante carga política e nacionalista, coa idea de axitar un pouco a vida cultural da zona”.

 

Ó igual que sucede co resto dos grupos galegos, a súa traxectoria discográfica tivo diferentes pasos: "Temos gravadas "A nova Fifi" no recompilatorio Unión Bravú, a canción “O verme homicida" no compacto editado co número 10 da revista  Bambán, a casete O verme homicida e, agora, o noso primeiro disco, Skornabois, ademais do tema "Planta-te" no disco colectivo Terra Terremota que acompañaba o número 3 da revista Bravú. Tamén temo-la nosa propia páxina en Internet, http://www.finisterrae.com/sons/skornabois”.

 

Xa hai un tempo que tiñan a posibilidade de gravar, pero tomárono con paciencia, unha virtude que non todos souberon empregar no momento xusto. “Cando gravaron bandas como Xenreira, Rastreros ou Túzaros tamén nos ofreceron gravar a nós, pero aínda non queríamos porque non tiñamos a suficiente experiencia. Editamos a maqueta e vendéronse máis de mil copias. Cando enfocamos a onde queríamos ir, foi cando decidimos acepta-la idea."

 

En tódalas súas gravacións vaise recollendo unha evolución constante que tivo varias bandas como espello. "Dende o principio, a evolución foi moi grande, seguindo a grupos como Negu Gorriak ou Public Enemy. No seu día, eu fundei a Brigada Negu Gorriak de Lourenzá, e eles son quen me abriron os ollos, a nivel de letras. Agora estamos moi flipados co hip-hop e con bandas como Massive Attack, Propellerheads ou Asian Dub Foundation. Estamos moi excitados coa idea de introducir samplers, e picamos ó batería dicíndolle que o vamos dedicar á promoción en lugar de tocar".

 

É de todos coñecida a súa relación co bravú, do que defenden unha idea aberta e que entenden como algo que serviu para darlles un empurrón a bastantes bandas: "Estivemos na primeira xuntanza bravú. Foi unha pena que a xente se fora espallando dende entón. O mellor de todo é que con isto un bo feixe de grupos que nin nos coñeciamos entre nós fixemos cousas en común. Tamén foi moi positivo que os intelectuais de turno tomaran cartas no asunto, como a revista Bravú".

 

Aínda non acaba aí. "Nos identificámonos totalmente con elo. Foi o mellor que pasou e moita xente que hoxe ten disco foi gracias a elo. De bo nacidos é ser agradecidos. Cando Xurxo Souto nos propuxo gravar hai catro anos, alá fumos san pensalo. Despois cada grupo foi adquirindo a súa propia personalidade. Pero está claro que foi unha historia solidaria e a que máis impactou na música de Galicia de sempre. E conseguiuse que a xente tomara interese. Hai outros que non están de acordo. Parece que o deporte nacional é a envexa."

 

Xa hai nestes dez anos un bo montón de anécdotas, aínda que eles lembran algo que lles sucedeu na Cidade Condal: "Ó pouco tempo de empezar como grupo, chamounos un colega para ir a Barcelona, a tocar no día de Galicia. Só tiñamos entón seis temas, e coincidiu coa guerra do fletán con Canadá, alá polo 94. Había un montón de galegos, tocamos o que puidemos, compartido escenario co ilustre Xei Noguerol, e a  audiencia seguía a nosa actuación entre choreiras de veciños da nosa aldea, emigrados á capital catalana, e continuos saúdos dos fillos destes."

Xavier Valiño

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *