SONAR 2011

 

Sónar Galicia: rock e electrónica, ¿mundos distantes?

 

 

Síntoo, nacín co rock. Pode que fose que me tocara por xeración. Aprendín a escoitar música con casetes dos Beatles mercadas en tendas de electrodomésticos. Nin sequera eran eles, senón músicos de estudio que se dedicaban a imitalos. Non había para máis. Empecei cantando as súas cancións enriba dos carros de vacas da miña aldea aos oito anos. Iluso!

 

Despois empecei a mercar discos. The Damned e Iron Maiden ao mesmo tempo. Desorientado! Pero tamén Ramones, The Clash, The Pretenders… Non se pode dicir que había moita electrónica no menú. Nada, para entendernos, aínda que me chegaban ecos xa que algún amigo empezaba a devorar a Tangerine Dream, Popol Vuh e outros desvaríos case sinfónicos. Pero nin así.

Tiveron que chegar os denostados ‘novos románticos’ para que na miña dieta entrasen algo máis que guitarras. Por sorte, debaixo de aquela parafernalia había tamén melodías e temas de tres minutos. Non me gustaba o envoltorio, pero se podía bailar. E, si, tiña teclados. Lembro bailar coma tolo “I Just Can’t Get Enough” de Depeche Mode, un grupo ao que aínda así despois non seguín nada. Tamén Yazoo, mais iso era máis doado porque tiña unha voz que viña do blues. Ao mesmo tempo, o Aviador Dro me introducía na revolución industrial co “Selector de frecuencias” e outras pezas.

E de aí a Kraftwerk, un paso, o que había que dar para chegar ás fontes. Se hai un grupo rock que consigue unanimidade en todos os distintos bandos rockeiros, ese é Ramones (pon todas as revistas musicais que se editan no Estado e fai a proba: quen estaría en contra deles?). Se hai un grupo electrónico que consegue o mesmo efecto, ese é Kraftwerk. Así que, finalmente, non ía tan descamiñado.

A mestura de rock e electrónica mostráronma New Order durante os anos 80, sobre todo nesa década, que o que viu despois prefiro pasalo por alto. E naquel Behaviour dos Pet Shop Boys identifiquei unha preciosa morriña electrónica. Pero sería en 1991 con Screamadelica de Primal Scream cando caín rendido, aínda que xa se sabe que Bobby Gillespie tamén quere ser Mick Jagger (e Lou Reed, e tantos outros…). Pero nese mesmo ano chegou o disco crucial para min: Blue Lines de Massive Attack, que abría un camiño polo que me apetecía transitar moito máis que aquel dos ‘novos románticos’. Nebulosas, psicodelia, experimentación, incitación ao baile… Ou sexa, nada moi distinto ao rock.

 

De aí ao resto de grandes nomes da electrónica dos 90 non había volta atrás. Penso en Underworld, os mesmos que descubrín sorprendido ás tres e medida da madrugada na primeira edición do Festival Doctor Music dos Pirineos de 1996 entre outros nomes como Lou Reed, Iggy Pop, David Bowie ou Patti Smith. Era como poñer o anzol para ver si picaba e caín na trampa (e, si, Underworld están no Sónar 2011).

Penso nos enormes KLF, a banda punk máis grande que xamais pisou o planeta, sobre todo pola súa forma de actuar coa industria e de asaltar as listas de éxito. Penso en The Chemical Brothers, cos que gastei as solas dos zapatos en varios Benicassim. Penso en Goldie, Roni Size, 808 State, Daft Punk, Fatboy Slim, The Prodigy, Orbital, Aphex Twin, Leftfield…

Así que cando o ano pasado se anunciou o Sónar Galicia só se me pasou pola cabeza nun primeiro momento en que habería outro festival máis por aquí. E non era un máis. Era algo distinto e xa o tiña que saber, que para iso tiña algún antecedente no meu ADN. Case sen darme conta aparecín en A Coruña e acabei tendo a miña versión do evento. Escenarios que me gustaron máis, concertos que gocei como algún dos mellores do ano (LCD Soundsystem, sen ir máis lonxe, pode que a banda que mellor simboliza o que levamos deste século musical, que tanto cita, plaxia ou homenaxea a The Velvet Underground como a Daft Punk, a David Bowie como a Eurythmics) e, máis que nada, serviu para pechar un ciclo que comezara hai anos escoitando a Kraftwerk.

Veño do rock, si, pero a vindeira fin de semana estarei en A Coruña na segunda edición do Sónar Galicia. E se penso que Víctor Lenore definiu hai uns días a MIA como un cruce perfecto entre Missy Elliott e The Clash, todo cobra sentido. Así que, despistado ou non, espero velo moitos anos.

 

{youtube}sfbQ5mHWkOs{/youtube}

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *