NOVEDADES CARMINHA 2008

Novedades Carminha, España se droga

 

“Quería abrirlle unha boutique á miña muller; sempre lle gustou a lencería e o encaixe de Camariñas… Eu, sen embargo, que sempre fun un freudiano do extrarradio, gran amante do queixo de tetilla, falei con Carminha, a miña esposa e mentora, para destinar os cartos da tenda de novidades textís a viño e punk, mantendo o nome da boutique inalterado. Novedades Carminha somos tres, un pouco oligofrénicos pero boa xente. Gústannos os vinilos e os casetes por igual. Ademais somos o grupo favorito de Marichalar…” Así se presentan eles.

 

“Horteras pero elegantes. Novedades Carminha son Jarri, Carlangas e Xavi, que con só 20 anos de idade son fillos prodixio do situacionismo e o posdadaísmo agresivo. O culto á frescura, á enerxía á actualidade e ao viño fan de Novedades Carminha un dos grupos máis divertidos e orixinais do panorama musical galego. Combinan o humor dos primeiros Siniestro Total cunha posta en escena atractiva e bailona, que lembra a Los Coyotes de Víctor Abundancia, pasado todo isto por unha clara influencia musical do primeiro punk do 77. Son o único grupo que recoñece abertamente que tocan para ligar, e ligan para comer.

Novedades Carminha comezaron en Madrid en marzo de 2007, lugar de residencia actual do grupo, anque foron varias as incursións en Galiza, colaborando e tocando con grupos como Los Iribarnes, Ataque Escampe ou Leo i arremecaghona. Con estas dúas últimas bandas chegaron a gravar algún tema. Participan na actualidade no Galician Bizarre, un disco recompilatorio de nove grupos bizarros galegos, entre os que se atopan, entre outros, Jiménez del Oso, Fran3s ou Los Santos. A banda conformase como máximo expoñente galego do revival da movida viguesa

Grandes Éxitos é o seu primeiro traballo, un curta duración en formato casete. Foi gravado nos estudios Pousada Son e Sons da Vila a primeiros do 2008 en 8 horas e pódese definir coma unha homenaxe á frescura musical e ao humor entendido como a incorrección política das tertulias de taberna. As letras dos seus singles falan tanto dos punkies de Lalín coma das mulleres católicas, sen deixar de clamar porque lles dean de beber ou de declararse sentimentais pero sementais”. E así os presentan en A Regueifa, onde se pode descargar de balde a súa primeira gravación.

 

Levo uns días empapándome ben da vosa traxectoria e sodes igualiños que Siniestro Total alá polo ano 1982. Incluso a voz  sería digna do Cuándo se come aquí?

            – Home, nós comemos aí ás dúas, dúas e media, cando nos chama mamá dende o bar de abaixo. Ademais somos bastante máis guapos e limpos que Siniestro Total. Musicalmente eu diría que nos parecemos a Ruxe Ruxe.

 

Que facedes en Madrid?

            – Levantámonos, aseámonos, lemos a prensa coa caña e o pincho e comemos. Despois de durmir a sesta mandámoslle unhas páxina a Cantares Gallegos e aí ás oito saímos a tomarlle as cervexas vespertinas. Ademais sempre levamos no peto o disco de Uxía Senlle para que o pinchen nos disco-pubs aos que vamos.

 

O voso aspecto é chamativo. Sodes unha especie de mestura entre Devo, Duran Duran e Golpes Bajos…

            – Iso non é así. Pode que herdemos algo de mongoloides  dos Devo. Duran, Duran y Lleida son colegas os dous, pero están un tanto zumbados e non hai deus que os ature. Polo demais nós sempre  miramos a los ojos de la gente, y besamos en los pies a las señoritas si están limpos,  non como  Cardalda e Coppini, que un é hippie e o outro gafe.

 

Que vos amolaría máis, vender poucos discos ou tocar e non ligar nada?

            – Nós tocamos para ligar coa filla de Sánchez Bugallo, é unha máxima que sempre tivemos. O de vender algún disco tampouco estaría mal para pagar algunha das múltiples débedas que sumamos nos bares.

 

Sementais ou sentimentais?

            – Sentimental un pouco semental. É que se es sentimental e non semental corres o risco de acabar tocando power-pop coma The Homens.

 

Que outros grupos de Compostela seguides con atención?

            – Pois a The Homens, aos Samesugas, a Ataque Escampe, a Royalties, aos Jiménez Losantos do polifacético Rafael Anido, a O Leo coa súa banda de Matamá… A verdade é que o panorama musical compostelán comeríase con patacas a moitos outros. Deberiamos pechar as fronteiras.    

 

Sabedes que o último disco de Madonna, Hard Candy fixo colas de ventas na FNAC de Madrid a semana pasada de ata oito horas? Xusto o tempo que botastes para gravar os vosos Grandes éxitos.

            – Madonna e as súas fans que fagan o que queiran. Outros entran nos bufetes de avogados con pistolas mentres que Ataque Escampe saca un disco que se chama Galicia es una mierda, e a outros dálles por pescar.  Nós non fomos cutres e gastamos o tempo que fixo falla. Hai cousas coas que non te podes xogar os pesos.

 

Non teño internet. Onde podo mercar o voso disco?

            – Pois nos bares. No Bar-Tolo e no Malas Pécoras. Tamén está no Humanoide del Traje Verde, na Algalia. Na Reixa Tenda non que non o queren vender porque son mods e nos hai tempo que estampamos a vespa porque os mods só bebían Better Kase e nos necesitamos Veterano para que nos saia música… Habería que dicir tamén que non se trata dun disco ,porque dende cativos fomos férreos admiradores dos expositores de cintas que hai nos bares de estrada e nas estacións de servicio (que bo servicio prestan aos transportistas), e por iso optamos polo casete á hora de elixir un formato para o ‘traballo’.

 

Non vale mentir, eh? Cal foi o último disco que pagaches por el nunha tenda?

            – Nós non mentimos. O 7” compartido de Samesugas e The Homens, o Puro Semental de Los Coyotes de Víctor Abundancia e un de Viuda Gómez e Hijos. Somos costumbristas perdidos…

 

Queredes saudar a alguén que vaia lervos este venres en Santiago?

            – Si: ás nosas nais e ás nosas avoas. Tamén a Gelito e a tódolos poetas e teóricos do Malas Pécoras.

Renato Landeira

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *