NACIÓN REIXA

Nación Reixa, a resistencia sonora

 

“O traballo, amigo; é que teño o da radio, escribo para o xornal, fago televisión, moito traballo…” Así explica Antón Reixa o seu particular calvario, ese que fai que o home-multimedia estea en tódolos sitios, aínda que será por gusto. Resistencia sonora, resistencia mental. Por aí anda agora co seu inseparable Kaki Arkarazo, bregando de novo con Nación Reixa, esta vez nas barricadas do “Safari mental”, que así é como chama a este disco de furia, intres funk e outros máis afiados.

 

¿Como se chega ó reaxuste de Nación Reixa con respecto do primeiro disco?

– O que fixemos foi amplialo. O grupo eramos Kaki máis eu, e no directo acompañabannos o baixista Irazoki e Xavi Pez. Pensamos darlle unha forma máis estable con Mikel Pintza, dos Negu Gorriak. Unha batería, unha máquina, Kaki e maila voz. A Beck pareceríalle unha orquestra sinfónica.

 

¿E que pasa coas rapazas que vos acompañaban nas actuacións?

– Voltarán en canto se poida. En vez da formulación do directo do ano pasado, máis multimedia, agora facemos algo máis versátil e todo-terreo. A liña de poemas e pantallas recuperarémola sempre que sexa necesario.

 

Este Safari mental foi gravado nas Malloas.

– É un contraste interesante: subir unha costa co coche en primeira, chegar ó casarío e atoparte con ese estudio. Antes chamábamoslle o casarío eléctrico á discoteca Txitxarro e agora temos avanzado ó casarío dixital, que é o estudio de Ángel Katarian.

 

¿É este un disco de baile basicamente charlatán?

– Coido que é máis alegre que o primeiro, con máis retranca, menos morriñoso, aínda que avanza na mesma liña que nos trazaramos. En canto ás palabras, é o que une ós meus discos, o que se supón que hei de facer para botarme uns cartos. Non son un gran cantante, así que hei de poñer verbas, entrometelas na música.

 

¿Fuches algunha vez a unha escola de canto?  

– Fai anos fixen un curso de técnica vocal cunha soprano e aprendín curiosidades sobre a respiración, o diafragma, o abdome, sobre a música de Luigi Nono e cousas así. Aínda que eu atópome mellor co rap.

 

¿Cal é a razón da inclusión da versión do “Psychokiller” dos Talking Heads?

– Eso son ideas xeniais do Kaki, xa que a canción de David Byrne forma parte un pouco da nosa banda sonora máis entusiasta. Era o que podiamos compartir no seu día M-Ak e Os Resentidos: na intersección atopabanse os Talking Heads. E ademais funciona un montón no directo.

 

Sacado das túas verbas: ¿“Falar por falar” ou “Todo o que se diga é pouco”?

– Hai que falar seguido e non parar. No medio das realidades virtuais sempre hai verbas, mensaxes. É importante non ser cómplices no silencio. Dicía John Cage que o silencio non existe, que é imposible rexistralo porque sempre haberá algún tipo de interferencia. Agrandar esas interferencias pode que sexa a mellor forma de vivir de modo consecuente.

 

¿Quen son Suso Barullo e María Ruido?

– Aparecen nun libro da poetisa Chus Pato. Contos como o do emigrante de A Liña en Ourense, que mandou dende Arizona un Dodge con reductora… Ou o vendedor ambulante de sandalias que se namorou dunha rapaza e díxolles os seus pais que se non lla daban metía o brazo na segadora. Meteuno e quedou manco, toda unha versión violenta e rural de Romeo e Xulieta. Ou o daquela emigrante á que lle tocou un premio do Deustche Bank e puxo os cartos nun saco de semente coa intención de que florecera.

 

Despois de xa un tempo de novos grupos, ¿que hai da historia do rock bravú?

– Coincidiron moitos músicos utilizando referencias propias e, ó tempo, internacionais, utilizando o seu propio idioma como soporte de ideas. É o mellor que pasou en Galicia nos últimos anos, aínda que non saíron moito fora, do mesmo xeito que non saen moitas cousas de ningún sitio.

 

¿Humor ou resentimento?

– Sempre humor, ¿non? Nós sobrevivimos no humor.

 

¿Que tal o levas con o Padre Apeles na televisión?

– É un colega co que traballo no circo, unha estrela do espectáculo. Un reaccionario non moi de moda, xa que a dereita e os integristas son vergoñantes e el non ten sentido do ridículo, di o que pensa, que é a doutrina da Igrexa e resulta un espectáculo.

 

¿É Reixa un renacentista ou un oportunista?

¿Quen di que son un oportunista? Andiven sempre polos mesmos terreos, non cambiei. Cando me chaman de fora do meu círculo habitual é para que faga de min mesmo, non me violenta demasiado.

 

¿E o paso da multinacional Warner á independente Esan Ozenki é un avance ou un retroceso? ¿Significa que as ventas non vos respaldan?

– É un notable avance. Eu comencei na independente GASA, logo convertida en multinacional. Non é un espacio cómodo para unha proposta como Nación Reixa, non nos poden aturar. É certo que vendemos poucos discos, pero nunha compañía na que Los Rodríguez son case un grupo alternativo, Nación Reixa é un estorbo, por moito cariño que che teñan. Def Con Dos sobreviven alí porque teñen as súas estructuras alternativas. Non se pode atender a Danza Invisible e Nación Reixa por igual. E, aínda que pareza unha trola, non temos interese en estar na radio-fórmula e facernos millonarios con esto, é outra historia, outras compensacións…

Xavier Valiño / Iñaki Zarata

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *