Nación Reixa, tempo morto

Se non será polifacético este home.
¿A cantas cousas se dedica? ¿Será todo iso no que emprega o seu tempo libre?
Supoñemos que baixo a pel de Antón Reixa haberá un ser humano coma nos, aínda
que con cada un dos seus pasos parece desmentilo.
Recapitulemos apresuradamente. Poeta
do grupo Rompente. Presentador de programas televisivos como Sitio distinto.
Produtor ou guionista doutros como Peligrosamente juntas. Líder do grupo
Os Resentidos durante máis de doce anos. Locutor de radio, onde agora presenta
La voz da televisión en Radio Voz. Realizador de parte dos mellores
vídeos musicais que se puideron ver no noso Estado, para grupos como
Esclarecidos, Duncan Dhu e os propios Resentidos. Escritor de libros como
Ringo, Rango. Articulista no suplemento cultural Bule bule de papel
os xoves en La Voz de Galicia. E tal vez algunha paixón máis que nos ten
escondida.
Un bo día cruzou no seu camiño o
vasco Kaki Arkarazo, membro de grupos como M Ak e Negu Gorriak e, sobre todo,
produtor. A súa colaboración comezou na produción do último traballo de Os
Resentidos, Están aquí. E de aí á relación estreita. Tanto que o novo
proxecto, Nación Reixa non se entende sen Kaki. Nas entrevistas os dous
participan por igual, e a hora de compoñer Reixa dedícase ós textos e Kaki ás
texturas musicais. Moi variadas, iso se. A ducia de temas teñen un pouco de
tódolos ritmos quentes que sempre lle interesaron, dende o rap á bossa nova, e
van acompañados de cinco maquinacións, que non son máis que varios textos breves
lidos a velocidade do raio.
Unha aventura na que inverteron case
un ano nos estudios de gravación IZ de Donostia, onde estiveron acompañados por
parte dos mellores músicos vascos, e que nun principio editouse en galego o
pasado mes de decembro e que agora edítase en castelán para o resto do Estado.
Agás, iso se, no País Vasco, onde a súa compañía pretendía venderlles o disco en
castelán pero tiveron que ceder ante a presión. Tan so queda achegarse a algún
dos seus concertos, xa que prometen o directo máis revolucionario que nunca se
fixera por aquí. Ameaza que vindo de Reixa...