Diez años han tardado. Más incluso de lo que le llevó a The Beatles grabar toda su discografía. Pero aquí está por fin el tercer y esperadísimo disco de Portishead. Si de algo querían renegar era de la etiqueta del trip-hop y de convertirse en música sencilla para sonar de fondo en cualquier momento. Y lo han logrado con un disco más radical en su sonido, uno de los grandes álbumes de este principio de siglo. El tercer disco del trío de Bristol se llama, sencillamente, Tercero (Third). Hablamos con ellos, con excepción de Beth Gibbons, su cantante, que nunca hace declaraciones, alargando su misterio.
Os Diplomáticos de Monte-Alto veñen de edita-lo seu
terceiro aparello sonoro, Avante toda, unha nova incursión nos sons
tradicionais e na escola das orquestas de verbena, todo elo asumido por un grupo
nacido a ritmo de rock. Conversar co seu vocalista é dar un repaso acelerado
polas festas de aldea, as disco-tascas ou os xogos de cartas como o tute
subhastado. Pero, sobre todo, é descubri-la velocidade e a vitalidade contaxiosa
que move ó grupo: "Tanta paixón, ¿quen poderá detela?".
Pricipiamos lembrando os seus inicios, que teñen
bastante que ver cun curioso personaxe chamado Rómulo Permui. "A Rómulo
espetoulle unha nécora no peito mentres descansaba na praia de Amaro,
recuperándose da última visita ó estadio de Riazor. Logo desta metamorfose,
Rómulo renegou de tanta conachada, queimou toda a colección de discos de The
Cure e, dende entón, só grava no vídeo películas de mexicanos. No intre no que
cortou a melena de estilo inglés, ademais de darlle unha alegría ós seus pais,
comenzou a senta-las bases dunha nova estética fin de século. Os heavies de
Monte-Alto seguímolo. Unha pena, xa que marchou a Santiago a estudiar económicas
e nunca se soubo máis de el".
Pode que non deixe de ser unha interesante teoría, pero
os verdadeiros comenzos non foron tan fáciles e dan conta dun mundo case
descoñecido na Coruña do cambio de década. "O acordeonista Rómulo Sanxurxo e
mais eu -Xurxo Souto- vimos de Belida e Opus Gay, grupo no que compuxemos "A
rapaza do 600" e "Marujo", unha historia dun travestí e nome duns cigarros das
Azores".
Tamén ten moito que ve-la colaboración de Xurxo na Radio
Galega, na que foi o creador dunha radio-novela chamada "Os frigoristas",
baseada nas aventuras dun frigorista -quen sabe se imaxinario- chamado Constante
Permui: "Nunha marea en Mamibia o heroe non é o capitán, o heroe é o técnico
frigorista que goberna tres meses de traballo de pesca metidos nunha cámara de
frío. Se sube a temperatura, a pesca pérdese, os mariñeiros non cobran e o
frigorista resíntese do seu pescozo". Para esta novela houbo que compoñer unha
banda sonora e aí naceu "Non chas quero", a primeira canción do grupo.
Xurxo adicouse a perseguir a Antón Reixa durante un
tempo, ata que este último se convenceu de que o perseguidor non era perigoso.
De algo serviu, xa que Xurxo chegou a ser colaborador do programa da TVG
Sitio distinto, levando a parte musical e outras entrevistas estelares: un
cuatrero, un capador, un contrabandista... Pola súa banda, Reixa fixo que o
grupo gravase para a Fundación Resentidos, producíndolles o primeiro traballo,
Arroutada, ó que seguiu Parrús.
Non é nada estraño que se entendan ben, xa que ámbolos
dous grupos pasan revista a realidade galega menos habitual nos medios. "Non hai
mellor forma de ser universal que ser localista. É imposible ser de Monte-Alto e
que non te arda o peito. Se a túa nai é de Sergude e o teu pai acordeonista, se
te fixeron entre Jorge Negrete e tute subhastado, se xogaches ás canicas ó lado
do cárcere, se fuches buscar percebes ó carón do cemiterio, se pola rúa atopas
rapazas orondas con chupa de Iron Maiden, se montache-lo teu conxunto nun
garaxe, se tiveche melena heavy e o teu tío toca na orquesta X, ¿como non te vai
a arde-lo peito? Por iso, cando os bárbaros de Monte-Alto baixan a Coruña, non
van tomar cafelitos, baixan de arroutada a repartir emocións".
Aínda hai mais, e Monte-Alto ten máis dun personaxe
famoso. "Cando se necesitou unha orquesta en condicións, aí estiveron Los
Satélites. Cando o Deportivo pediu un porteiro, mandámoslle a Xanetas. A
historia do fútbol reclamou un arquitecto e alá foi Luis Suárez, directo da
carnicería da súa nai. Os tempos volvéronse duros, necesitáronse golfos de
verdade e nós puxemos os mellores. Agora piden un conxunto poderoso tipo rockero
e aí están Os Diplomáticos".
O elemento mais característico de Os Diplomáticos é o
acordeón, algo tan evidente na música galega que para Xurxo parece fóra de lugar
preguntar por el. "Por exemplo, na aldea orensana de Velle chegaron a ter
dezaseis acordeonistas. Un dos máis afamados, o señor Claudio, máis coñecido por
Cuco de Velle, compartía dúas afeccións: viño e acordeón. Para asegura-lo seu
virtuosismo nas romarías, sen risco de caídas etílicas, montaron un sistema
interesante: atábano á estaca do carro e levábano así, ben teso, como pide todo
acordeonista estiloso, por toda a festa, nunha perfecta conxunción de viño e
velocidade".
Non lles chega con
iso. Os Diplomáticos pretenden reivindica-lo mundo das orquestras, as verbenas
populares e as disco-tascas. "En Galicia hai máis de 4.000 festas ó ano e miles
de orquestas bravas indo dun lado ó outro, facendo bailar á xente. Non hai nada
máis fermoso que sacar a bailar a unha rapaza e dicirlle: ¿Es
de aquí ou ves á festa? E as disco-tascas responden a unha gran necesidade:
poder botar un viño cando xa renegaches dos cubalibres. É o local ideal para
comer unhas parrochas cando chega o insomnio. Onde outros programan pop, aquí
manda a arroutada".
Teñen moito que dicir e queren deixar claros os seus
obxectivos. "Non hai cousa máis repugnante que un rockerito que quere ser malo.
De eses que cando botan o cuspe pingan a camiseta rockabilly. Un pode ser bravo
e ter sentidiño. Tocar nun palco e que a familia se leve unha alegría".
Para finalizar de algún xeito, xa que Xurxo seguiría
falando todo o día, hai que aclarar dunha vez por todas en que consiste a
arroutada. "Emoción. Todo o que se fai de corazón. Calquera cousa vale se é así.
A estas alturas, no fin do milenio, se non hai paixón no peito, retírate.
¿Como
podes ser un bo corredor de fondo se tes medo que te fodan os toxos?
¿Como
vas a montar unha festa bonita enriba do palco se só pensas nas pedras que hai
no chan?
¿Como
vas facer tragar ós demais se te segues unha dieta macrobiótica?".