CAMPUS GALICIA ENTREVISTA CON MERCEDES PEON

ENTREVISTAS 2003

Mercedes Peón: “A desaparición da tradición da grima”

De entrevista en entrevista Mercedes Peón vai desentrañando os contidos de Ajrú, o seu segundo disco. A promoción é intensa, pero ela non perde o bo humor.

“Ajrú é un traballo libre e sincero, cheo de sentimentos propios e penso tamén que atemporal”. Así presenta Mercedes Peón o seu segundo disco, chamado igual que un proxecto de banda que tivo hai uns anos e que, finalmente, non saíu adiante. “A ideóloga do grupo era eu pero tiña que ser unha iniciativa compartida. Finalmente resultou inviable porque cada un tiña as súas inquedanzas. Nese momento foi cando decidín que plasmaría todas as ideas que tiña pola miña conta, como solista.”

Aí nacía o personaxe público de Mercedes Peón, que popularizaría o programa da Televisión de Galicia Luar. Un pouco máis tarde editaría un disco que revolucionaría o mundo da música folk non só en Galicia, senón en toda Europa. Titulouno Isué.

Agora recupera o nome daquela banda que nunca veu a luz para o seu segundo traballo. “É que ten moita forza. Sempre me gustou moito e, se non o empreguei para o primeiro disco, foi porque me parecía que Isué identificaba mellor o que había naquel traballo. Ajrú ademais de aturuxo pode ser calquera tipo de berro e iso ten moito que ver coa estética deste novo traballo.”

Mercedes Peón di que ao pasar os 30, as persoas viven dun xeito distinto. “É como se foses máis consciente da morte. Non é que sexas vella nin nada diso. Eu considérome nova con 36 anos, teño moita enerxía, fago deporte… todo isto. O que pasa é que es máis consciente do teu propio ser, do finito que es. É por iso que gañas en espiritualidade,” explica.

E todo isto é fácil de atopar nos seus traballos. De igual maneira non custa nada recoñecer o forte compromiso da artista coa terra. “A música tradicional, esa que se transmite de pais a fillos, oral e visualmente, está en grave perigo de extinción,” conta.

“O rural está desaparecendo e iso conleva que a transmisión oral da lingua e das tradicións desapareza con el. Acábanse os roles e con eles todas as manifestacións artísticas tradicionais que ían asociados a eses roles. A cousa está moi fastidiada,” di.

“E todo isto agrávase ante a pasividade do Estado que deixa que aconteza ou cando emprende iniciativas para frealo non resultan efectivas. Dá grima,” engade.

Neste sentido, a artista é moi clara cando di que o que ela fai cando se sube ao escenario non ten que ver con isto. “Os que nos subimos a un escenario para cantar cousas, non estamos facendo nada pola tradición en absoluto. Cobramos por isto. No meu caso o que fago é lucrarme dunha tradición ancestral tremenda que me fai ser única no mundo e por iso teño proxección internacional.”

Pese á desaparición dos roles e do mundo rural en Galicia, Peón defende a morte o traballo de recollida. “Dicir que xa non ten sentido a recollida é dunha ignorancia moi grande. É como capar os coñecementos. Hai que ir á fonte directamente. É o de verdade, a orixe. É máis, o que había que facer en Galicia é impregnar a universidade coas recollidas de campo.”

Houbo un crítico que dixo por Isué que Mercedes Peón facía folk do século XXI. ¿E agora con Ajrú? “O problema de todo isto son as etiquetas. Eu creo que a miña música pode ser moitas cousas. Eu quedaríame co que dicía ao principio: son cancións sinceras e libres.”

Belén López

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *